Sin categoría

Sobre o proxecto

Este proxecto pretende achegar unha tecnoloxía recente do mundo das Telecomunicacións chamada SDR a estudantes de enxeñaría e ciclos formativos das ramas técnicas, profesionais noveis e outras persoas que estean interesadas no mundo da tecnoloxía e da electrónica, coñecidas estas últimas tradicionalmente como a comunidade de “makers”.

SDR son as siglas de “Software Defined Radio”, radio definida por software. Este vén a ser un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos se executan sobre un procesador, de aí o nome de “software defined”. O incremento da potencia dos procesadores durante os últimos anos, a redución do seu tamaño, peso e consumo e a aparición de circuítos integrados de RF (Radio Frecuencia), así como o abaratamento do hardware, fixo posible que o uso desta tecnoloxía aumentase notablemente dende a súa definición a principios dos anos noventa. Hoxe en día non só se utiliza en investigación, senón tamén en sistemas comerciais, xa que permite un desenvolvemento rápido da idea ou produto e a súa actualización e mellora con tan só actualizar o programa que se executa no procesador.

A diferencia dos sistemas tradicionais, onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware, as SDRs permiten unha gran flexibilidade, dando lugar a modificar parámetros de funcionamento sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, estándar, ancho de banda… De acordo con recentes estudos, o mercado da SDR crecerá a un ritmo dun 8,63 % anual no período 2017-2022, o que demostra a importancia desta tecnoloxía, que xogará un papel importante nas redes 5G, na Internet das Cousas (IoT) e nas redes de sensores.

Este proxecto consiste nunha charla divulgativa sobre SDR para realizar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e uns obradoiros de dous días de duración (faranse dúas sesións) que se impartirían no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa ten na cidade de Vigo. Neste obradoiros os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e poñeranse mans á obra realizando pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións utilizando unhas placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación que traballan con esta tecnoloxía e serán asistidos polo grupo promotor deste proxecto, que tamén está familiarizado con ela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *