Actividades

Curso de preparación para o exame de radioafeccionado

Co gallo do Día Mundial da Radio (13 de febreiro), vanse impartir en Vigo unhas xornadas de preparación para o exame correspondente á licenza de radioafeccionado harmonizada HAREC.

Serán tres xornadas, todas elas sábados, da seguinte forma:

  • Primeira xornada. Día 15 de febreiro. Tratarase o temario correspondente á primeira metade do segundo exercicio do exame de radioafeccionado (temas 11 a 15).
  • Segunda xornada. Día 29 de febreiro. Tratarase o temario correspondente á segunda metade do segundo exercicio do exame de radioafeccionado (temas 16 a 19).
  • Terceira xornada. Día 7 de marzo. Tratarase o temario correspondente ao primeiro exercicio do exame de radioafeccionado (temas 1 a 10).

As xornadas serán na sé da Industriosa, na Rúa Barcelona, 13, 36203 Vigo, Pontevedra. Ver localización

O horario das xornadas será de 10h00 a 13h30 e de 16h30 a 20h00. Constarán de exposición teórica resumida dos contidos por temas e realización de preguntas típicas de exame.

Os contidos estarán dispoñíbeis na sección de Radioafeccionado da presente web con anterioridade á celebración de cada unha das xornadas para facilitar aos asistentes a súa lectura previa.

Actividades

Xornada de SDR na Coruña

O sábado día 23 de marzo de 2019 vai ter lugar unha xornada divulgativa sobre desenvolvemento básico sobre plataformas SDR (Software Defined Radio) de baixo custo na sé de Bricolabs (Museo do Home/DOMUS; Rúa Ángel Rebollo, 91; 15002 A Coruña).

A xornada será en quenda única de mañá e tarde. A sesión da mañá comezará ás 11h30, cunha duración estimada de 2 horas e 30 minutos, mentres que a sesión da tarde comezará ás 15h30, tamén cunha duración estimada de 2 horas e 30 minutos.

Inscricións: info@melisa.gal

Máis información: info@melisa.gal / BricoLabs

Prégaselle aos asistentes chegar cunha antelación prudencial para poder comezar as sesións á hora prevista. Poden vir coas súas plataformas SDR (especialmente se se trata do RTL-SDR ou LimeSDR Mini) se dispoñen delas. As prazas son limitadas para aqueles que non dispoñan de placa SDR propia. Hai tamén prazas para aqueles que desexen asistir como oíntes.

UPDATE: Xa non hai prazas dispoñibles para aqueles que queiran fozar nas SDR e non teñan placas propias. Segue habendo prazas para aqueles que queiran asistir como oíntes e para aqueles que dispoñan de placas propias.

Recoméndase tamén, na medida do posible, que os asistentes traian consigo un ordenador portátil ou dispositivo similar, configurado cunha distribución GNU/Linux (preferentemente Ubuntu MATE 18.04 LTS) e cos paquetes software configurados, utilizando este documento como guía orientativa. Así mesmo, tendo en conta que se van levar a cabo transmisións simultáneas de audio, sería conveniente o uso duns cascos con micrófono (valen incluso os máis sinxelos sempre e cando o seu bo funcionamento estea comprobado antes da xornada).

Os contidos previstos para a xornada son os seguintes:

SESIÓN DA MAÑÁ

Contidos

  • Lexislación e seguridade para a transmisión e recepción radio
  • Conceptos moi básicos de radio e de plataformas SDR (Software Defined Radio)
  • GNU Radio como plataforma libre para desenvolvemento SDR. Exemplos básicos.
  • Modulacións analóxicas: AM, FM

Demos con hardware

  • Transmisión e recepción de AM en loopback e coa mesma Lime
  • Recepción de FM comercial con RTL e Lime
  • Transmisión propia de FM con Lime SDR Mini
  • Comunicación bidireccional de FM en canles diferentes

SESIÓN DA TARDE

Contidos

  • Modulacións dixitais

Demos con hardware

  • Codificación e decodificación de sinal RDS para estacións FM
  • Sinais da banda aeronáutica
    • RTL-Airband
    • ADS-B de avións con Dump1090 e RTL-SDR
  • Sistemas de posicionamento global por satélite
    • Demostración de recepción de GPS con GNSS-SDR
  • Comunicacións dixitais
    • Transmisión dun ficheiro de texto
    • Transmisión de vídeo (ficheiro TS ou webcam)  usando o estándar DVB-T2 en GNU Radio con Lime SDR Mini e recepción con pincho RTL-SDR

Demos sen hardware

  • Recepción de imaxes de satélites meteorolóxicos: NOAA
Recursos, Sin categoría

Curso de Radiocomunicacións prácticas

Nesta entrada queremos compartir convosco un curso creado por un dos alumnos máis aplicados do obradoiro que fixemos na industriosa. Trátase do curso de “Radiocomunicacións prácticas” que está publicado no blogue do profesor de FP Daniel Ríos. Este está pensado para o profesorado que imparte materias de radio en Formación Profesional e recomendámosllo ler a calquera persoa que queira achegarse ás Telecomunicacións.

Aquí vos deixamos a ligazón:

http://danielrios.me/blog/2018/12/19/curso-g1801013-radiocomunicacions-practicas/

Hardware RF

Review da placa NWDZ RFAMP

A placa NWDZ RFAMP é unha placa amplificadora RF de baixo custo (aproximadamente 7 €), que monta o amplificador de baixo ruído (LNA) e de baixo custo SBB5089B/Z, de Qorvo (sbb5089z_datasheet). O fabricante indica que este LNA de fosfuro de galio e indio (InGaP) pode traballar nunha rexión espectral entre 50 MHz e 6 GHz, ganancia maior de 20 dB a frecuencias inferiores a 2 GHz, cunha baixa figura de ruído, e potencia máxima de saída de 20,4 dBm a 1,95 GHz. O suposto consumo do amplificador é de 82 mA a unha tensión de alimentación de 5 V (alimentación unipolar).

Jpeg

Comprobación do consumo

Aliméntase a placa cunha tensión de 5 V, procedente dunha fonte moi pouco ruidosa (fonte de alimentación Keithley 2231A). Cun xerador vectorial Rohde&Schwarz modelo SMJ100A xéranse tons a 400 MHz, a 900 MHz e a 2,4 GHz. Varíase a amplitude dos tons (e, polo cal, a súa potencia) a intervalos de 5 dB e compróbase o valor da corrente consumida polo LNA.

sbb5089b_power

Polo cal, o consumo non difire demasiado respecto ao valor de referencia dado polo fabricante, incluso algo inferior (76 mA) a este (82 mA). A excepción pódese observar nos puntos de traballo próximos á saturación do amplificador (nos que o consumo se dispara), e nos puntos de traballo correspondentes á zona de saturación do amplificador (onde o consumo diminúe bruscamente).

Comprobación da ganancia

Utilizando a mesma montaxe anterior, vólvense xerar tons a 400 MHz, 900 MHz e 2,4 GHz. Coa axuda dun analizador de espectro Rohde&Schwarz 1093.4495.30 mídese o nivel de potencia de saída, e calcúlase o valor da ganancia como a diferencia entre o nivel de potencia de saída e o nivel de potencia do ton de entrada ao amplificador.

sbb5089b_GainVsPower

Facendo a comparativa cos valores proporcionados polo fabricante, o valor da ganancia non é superior a 20 dB a frecuencias inferiores a 2 GHz. Axudándose da figura seguinte, correspondente ao varrido en frecuencia,  obsérvase que existen valores de ganancia superiores a 20 dB, pero a frecuencias inferiores a 350 MHz. De feito, o valor de ganancia a 2 GHz resulta ser de 16,1 dB, practicamente 4 dB por debaixo do valor de referencia do fabricante.

Xeración da curva de ganancia respecto á frecuencia

Reutilizando a montaxe e a metodoloxía anterior, calcúlase o valor da ganancia facendo un varrido en frecuencia. Para verificar a estabilidade do valor con distintos niveis de potencia de entrada, utilízanse tons a potencias -10 dBm, 0 dBm e 5 dBm.

sbb5089b_GainVsFreq

Obsérvase que, a excepción dos efectos da saturación do amplificador, os valores de ganancia son bastante constantes ante variacións do nivel de potencia de entrada. Cómpre ter coidado coas variacións marcadamente non lineais da ganancia respecto á frecuencia, sobre todo a partir de 3 GHz, a ter en conta segundo en que aplicación se desexe utilizar.

Respecto á potencia máxima de saída

O amplificador satura con niveis de potencia de saída de arredor de 20,2 -20,5 dBm, segundo a frecuencia utilizada, polo que se poden considerar plenamente válidos os niveis proporcionados polo fabricante nas follas características.

A modo de recordatorio

 \mathbf{P[dBm] = 10 \cdot \log_{10} (P [mW])}

Actividades

Na OSHWDEM18

O sábado pasado estivemos na feira OSHWDem na Coruña falando de comunicacións, de radio e de SDR (Radio Definida por Software). Alí puidemos comprobar os poucos proxectos de comunicacións que se mostraban na feira e a interese de moita xente por esta tecnoloxía que está cambiando como se fai investigación e desenvolvemento de sistemas de comunicacións.
Foto OSHWDEM18
Grazas a BricoLabs pola organización deste evento!
 
Sin categoría

Vídeo e PDF da conferencia en Teleco

Nesta ligazón deixámosvos os vídeos da conferencia que Iago Gómez de Gradiant dou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Vigo para falar de SDR e da súa aplicación na industria.

Facendo click nesta imaxe podedes ver a presentación da conferenciaanxo

e facendo click nesta outra podedes ver a conferencia completa na páxina de UVigo TV.

iago

E nesta ligazón tedes a presentación de Iago en formato PDF: Presentacion Gradiant SDR

Sin categoría

Obradoiro de introdución á SDR

A segunda das actividades é un obradoiro de iniciación á Radio Definida por Software (SDR) con exemplos prácticos utilizando as placas Lime SDR Mini e o software GNU Radio. Os obradoiros teñen unha duración de 6 horas repartidas en dous días, venres pola tarde e sábado pola mañá. Para aumentar o número de destinatarios faranse dúas edicións do obradoiro, nas cales se impartirán os mesmos contidos, polo cal cada persoa no momento da inscrición terá que indicar para que edición se anota:

  1. Edición setembro: venres 28 e sábado 29 de setembro.
  2. Edición outubro: venres 5 e sábado 6 de outubro.

Os horarios son os seguintes:

  • Venres de 18.00 a 21.00
  • Sábados de 10.00 a 13.00

Lugar do obradoiro: Local de A Industriosa en Vigo (Rúa Barcelona nº 13)

Persoas destinatarias:

  • Estudantes de enxeñaría e ciclos formativos das ramas técnicas e profesionais noveis
  • Persoas que estean interesadas no mundo da tecnoloxía e da electrónica (makers

Profesores:

As persoas encargadas de impartir o curso serán Aarón Nercellas Ventas e José Miguel Lago Agra.

Requirimentos:

Recoméndase que se traia un portátil cunha distribución GNU/Linux, preferentemente Ubuntu ou derivadas, e os paquetes necesarios segundo as instrucións deste PDF.

Instrucións instalación paquetes GNU Radio, LimeSDR e RTL-SDR

Repositorio cos flowgraphs de GNU Radio usados no obradoiro:

https://github.com/aindustriosa/obradoiro-sdr

PDF presentación obradoiros:

A continuación incluímos a presentación utilizada nos obradoiros

PDF Presentación Obradoiro Introdución á SDR

Inscrición:

Esta actividade, subvencionada no programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, é gratuíta para os asistentes. Por razóns loxísticas as prazas están limitadas así que as persoas interesadas teñen que inscribirse enviando un correo cos seus datos persoais e coa edición de preferencia (setembro ou outubro) ao enderezo sdrgalicia [at] gmail [dot] com

De haber prazas enviaráselles un correo para confirmar a súa inscrición e tamén se lle indicarán os requirimentos técnicos para o curso, basicamente traer un ordenador portátil con Linux e certo software e paquetes instalados. Se alguén non cumpre os requisitos que contacte connosco por e-mail e buscaremos alternativas.

CartelSDRH

Sin categoría

Conferencia en Teleco sobre SDR

A primeira das actividades (tamén gratuíta!) consiste nunha charla na cal Iago Gómez,  enxeñeiro de Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, fará unha introdución ás plataformas SDR (Radio Definida por Software) e á súa aplicación na industria.

A charla será o mércores 19 de setembro de 2018 ás 13.00 no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, aproveitando as horas libres para actividades non-docentes. Esta conferencia será gravada e estará posteriormente dispoñible na web de Uvigo TV.

Gomez_Alonso_Iago_06.jpg

Iago Gómez obtivo o título de Enxeñeiro de Telecomunicación na Universidade de Vigo no ano 2009 e estudou a continuación o Mestrado de Aplicacións de Procesamento de Sinal en  Comunicacións. Dende o ano 2009 traballa en Gradiant onde liderou diversos proxecto de I+D relacionados co deseño e desenvolvemento de sistemas de comunicacións sobre hardware (FPGAs) e plataformas SDR. Na actualidade ostenta o cargo de responsable de UAS (Unmanned Aerial Systems) en Gradiant.

Vídeo charla

Nesta ligazón pódese ver o vídeo da charla e nestas  recollemos as novas publicadas no Diario da Universidade de Vigo e en GCiencia.

PDF Presentación

E aquí tedes o PDF da presentacion de Gradiant sobre SDR.

CartelSDRH.png

Sin categoría

Sobre o proxecto

Este proxecto pretende achegar unha tecnoloxía recente do mundo das Telecomunicacións chamada SDR a estudantes de enxeñaría e ciclos formativos das ramas técnicas, profesionais noveis e outras persoas que estean interesadas no mundo da tecnoloxía e da electrónica, coñecidas estas últimas tradicionalmente como a comunidade de “makers”.

SDR son as siglas de “Software Defined Radio”, radio definida por software. Este vén a ser un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos se executan sobre un procesador, de aí o nome de “software defined”. O incremento da potencia dos procesadores durante os últimos anos, a redución do seu tamaño, peso e consumo e a aparición de circuítos integrados de RF (Radio Frecuencia), así como o abaratamento do hardware, fixo posible que o uso desta tecnoloxía aumentase notablemente dende a súa definición a principios dos anos noventa. Hoxe en día non só se utiliza en investigación, senón tamén en sistemas comerciais, xa que permite un desenvolvemento rápido da idea ou produto e a súa actualización e mellora con tan só actualizar o programa que se executa no procesador.

A diferencia dos sistemas tradicionais, onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware, as SDRs permiten unha gran flexibilidade, dando lugar a modificar parámetros de funcionamento sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, estándar, ancho de banda… De acordo con recentes estudos, o mercado da SDR crecerá a un ritmo dun 8,63 % anual no período 2017-2022, o que demostra a importancia desta tecnoloxía, que xogará un papel importante nas redes 5G, na Internet das Cousas (IoT) e nas redes de sensores.

Este proxecto consiste nunha charla divulgativa sobre SDR para realizar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e uns obradoiros de dous días de duración (faranse dúas sesións) que se impartirían no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa ten na cidade de Vigo. Neste obradoiros os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e poñeranse mans á obra realizando pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións utilizando unhas placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación que traballan con esta tecnoloxía e serán asistidos polo grupo promotor deste proxecto, que tamén está familiarizado con ela.

Sin categoría

Ola mundo!

Alá polo mes de maio comezaban as primeiras conversas informais entre varios mozos enxeñeiros dos centros de investigación atlanTTic e CINAE e algúns socios da Industriosa co obxectivo de organizar en Vigo unhas actividades divulgativas e formativas en torno a unha tecnoloxía que está medrando moito nos últimos anos, a Radio Definida por Software, coñecida polas súas siglas en inglés, SDR, (Software Defined Radio).

O resultado destas conversas é o proxecto “Iniciación á SDR” para o cal un grupo de seis mozos solicitamos unha subvención do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. Este proxecto contará coas seguintes actividades:

  1. Unha conferencia divulgativa sobre SDR titulada: “Introdución ás plataformas SDR e o seu emprego na industria” que dará o enxeñeiro de Gradiant Iago Goméz. (Mércores 19 de setembro ás 13.00 no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo)
  2. Dous obradoiros de introdución á SDR con exemplos prácticos coas placas LimeSDR Mini. Cada obradoiro impartirase en dous días (tarde do venres e mañá do sábado): 28-29 de setembro e 5-6 de outubro no local da Industriosa na rúa Barcelona, Vigo. (Prazas limitadas)

De todas as actividades, que serán totalmente gratuítas, iremos falando nas seguintes entradas do blogue.