O radioafeccionado e a súa normativa

Un radioafeccionado é unha persoa debidamente autorizada pola autoridade competente (normalmente o goberno nacional) que gosta da radiotécnica, sen ánimo de lucro e con carácter persoal ou de apoio á comunidade. A laboura dos radioafeccionados, recoñecida internacionalmente como servizo fundamental pola Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU/UIT), fai fincapé nas facetas técnica, educativa e social derivadas da operación das comunicacións radio sen fíos.

Os radioafeccionados utilizan diversos tipos de equipos receptores ou transceptores (transmisores e receptores) de comunicacións (ás veces incluso de seu), como poden ser perfectamente as plataformas SDR, para, entre outras, as seguintes tarefas:

  • Comunicacións entre operadores de radio
  • Transmisións e recepcións sen fíos para probas ou divertimento
  • Apoio loxístico (incluso coordinación das comunicacións) en situacións de catástrofe e/ou emerxencia

Non obstante, un radioafeccionado non pode ser entendido como alguén que ten como hobby a radio, senón como alguén que posúe os coñecementos técnicos, regulamentarios e operativos para poder montar un equipo e/ou estación autorizada e contar coa perceptiva licencia para a emisión do sinal nas bandas especialmente designadas e autorizadas para dito servizo.

Calcúlase que existen algo máis de 5 millóns de radioafeccionados a nivel mundial, cada un deles co seu correspondente indicativo. Para poder unirse a esta comunidade, é necesario certificar (a través dun exame) que se posúen, polo menos, os coñecementos mínimos indicados previamente para poder operar.

Solicitude do exame

ACTUALIZACIÓN 2021.

O exame para a obtención do diploma de radioafeccionado harmonizado internacional (HAREC) en España realízase nas oficinas das xefaturas provinciais de Telecomunicacións en cada provincia. O primeiro paso consiste en facer a solicitude do exame. É necesario tramitala telematicamente con certificado dixital. En caso de non dispór de certificado dixital, é conveniente obtelo (non só para isto, senón para acelerar e evitar desprazamentos en trámites ministeriais, autonómicos, locais e de saúde, entre outros) seguindo os pasos descritos aquí. Se o solicitante é menor de idade, será o seu representante legal o que deberá facer os trámites no seu nome utilizando o seu certificado dixital.

Os pasos necesarios resúmense en:

  • Pagar as taxas (modelo 790 código 041), accedendo aquí.  Para o ano 2021, o importe ascende a 23,67 euros. Normalmente, dito importe increméntase ao redor do 1% anualmente, conforme aos Presupostos Xerais do Estado. Dentro do modelo, marcar a opción 8 e no cadro de cantidade poñer 1. Págase por pasarela electrónica a través das entidades bancarias colaboradoras mediante cargo en conta bancaria. Importante fixarse no código N.R.C. que se xera ao realizar o pago, pois pode ser necesario para continuar o proceso.
  • Cubrir a correspondente solicitude vía formulario, dispoñible no sitio web do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital – Secretaría Xeral de Axenda Dixital, indicando a data na que desexa realizar o exame e a Xefatura de Telecomunicacións da provincia onde se prevea a realización do exame.
  • Enviar electronicamente.

Tras a recepción e trámite da documentación recibida, o futuro examinado recibe mediante notificación electrónica a confirmación da data do exame (e indicación dunha posible hora) ou, se non fose posible, unha data alternativa. O exame realízase por ordenador e en horario de mañá (9h a 14h).

ATENCIÓN. As notificacións electrónicas deben ser lidas antes de 10 días desde data da súa xeración. Caso contrario, considéranse rexeitadas e podería haber que reiniciar o proceso, aboando novamente as taxas.

O exame en si

O exame consta de dúas partes ben diferenciadas: a primeira delas, de electrónica e comunicacións; e a segunda, de regulamentación e procedementos operativos nacionais e internacionais. Cada unha delas consta de 30 preguntas tipo test (e normalmente de única resposta, salvo que se indique o contrario nunha pregunta en concreto). É necesario responder correctamente a mínimo 15 preguntas de cada parte para aprobar o exame. As partes non se poden compensar entre si.

O exame realízase por ordenador, só en castelán, e non se permite ter a man máis que un bolígrafo e papel subministrados no mesmo lugar de exame. A duración de cada parte do exame é de 45 minutos, e cronométrase desde a mesma aplicación web do exame. É necesario levar consigo o Documento Nacional de Identidade, ou ben documento identificativo equivalente (carné de conducir, pasaporte…) para poder acceder ao exame.

É moi conveniente gardar as respostas que se vaian marcando durante a realización do exame, pois en caso de problema técnico e/ou corte de electricidade, retomaríase o exame co cronómetro desde o momento onde tivesen lugar os problemas técnicos, e coas preguntas respondidas que estivesen gardadas ata ese momento.

O temario do exame

O temario estrutúrase como segue. Dado que o exame só está dispoñible en castelán, o temario tamén virá escrito nesa lingua.

Primeiro exercicio.- Electrónica e comunicacións

Tema 1. Teoría da electricidade, electromagnetismo e radio
Condutividade. Fontes de electricidade. Campo eléctrico. Campo magnético. Campo electromagnético. Sinais sinusoidais. Sinais non sinusoidais. Sinais moduladas. Potencia e enerxía. Procesado dixital do sinal (DSP)

Tema 2. Compoñentes
Resistencias. Condensadores. Bobinas. Transformadores. Díodos. Transistores. Outros compoñentes.

Tema 3. Circuítos
Combinación de compoñentes. Filtros. Fontes de alimentación. Amplificadores. Detectores e demoduladores. Osciladores. Circuítos sintetizadores de frecuencia (PLL). Circuítos con procesadores dixitais de sinal (DSP).

Tema 4. Receptores
Tipos de receptores. Diagramas de bloques. Operación e funcionamento das principais etapas de recepción RF. Características dos receptores.

Tema 5. Transmisores
Tipos de transmisores. Diagramas de bloques. Operación e funcionamento das principais etapas de transmisión RF. Características dos transmisores.

Tema 6. Antenas e liñas de transmisión
Tipos de antenas. Características das antenas. Liñas de transmisión.

Tema 7. Propagación
Atenuación. Propagación. Frecuencias. Parámetros de propagación de ondas electromagnéticas.

Tema 8. Medidas
Medidas de corrente e tensión. Equipos de medida.

Tema 9. Interferencia e inmunidade
Interferencia en equipos electrónicos. Causas de interferencias en equipos electrónicos. Medidas contra as interferencias.

Tema 10. Seguridade
Precaucións. Instalacións eléctricas. Proteccións.

Segundo exercicio.- Regras e procedementos de operación nacionais e internacionais

Tema 11. Alfabeto radiofónico (ou fonético) internacional
Códigos para o deletreo. Letras e cifras.

Tema 12. Código Q
Grupos do código Q, con énfase naqueles máis utilizados no servizo de afeccionados.

Tema 13. Abreviaturas
Abreviaturas máis usuais nas comunicacións de afeccionados.

Tema 14. Sinais internacionais de socorro, urxencia e seguridade, tráfico de emerxencia e comunicacións en caso de desastres naturais
Sinais radiotelegráficos e radiotelefónicos de alarma, socorro, urxencia e seguridade. Emprego en caso de catástrofes naturais. Bandas de frecuencias atribuídas ao servizo de afeccionados para tráfico de emerxencia.

Tema 15. Distintivos de chamada
Identificación das estacións radioeléctricas de afeccionado. Uso e composición dos distintivos de chamada. Prefixos nacionais.

Tema 16. Plans de bandas da IARU
Plans de bandas da IARU. Obxectivos que se perseguen en ditos plans.

Tema 17. Responsabilidade social do radioafeccionado
Código de actuación do radioafeccionado. Código de conduta do radioafeccionado. Procedementos operativos.

Tema 18. Regulamentación nacional e internacional sobre o servizo de radioafeccionados e radioafeccionados por satélite

Parte 18.A1. Regulamentación nacional sobre radioafeccionados.

Parte 18.A2.Regulamentación internacional sobre radioafeccionados.

  • Regulamentación da CEPT. T/R 61-01. T/R 61-02.
  • Regulamentación da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT).

Parte 18.B. O CNAF

Tema 19. Inspección e réxime de sancións
Órganos competentes en materia de inspección e réxime de sancións. Infraccións leves. Infraccións graves. Infraccións moi graves.

Anexos
Prefixos nacionais dos países do mundo.