Procedemento para a solicitude do certificado dixital

Cómpre seguir os seguintes pasos. Pódese realizar case todo o procedemento por Internet, salvo a parte de identificación presencial (na maior parte dos casos). Os certificados dixitais xestiónanse a través do departamento CERES (CERtificación ESpañola) da FNMT-RCM (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre – Real Casa da Moeda).

NOTAS PREVIAS. Desde o CERES infórmase de que é posible realizar o trámite completo do certificado dixital en liña utilizando o DNI electrónico (DNIe). Non obstante, as interfaces do DNIe non funcionan en todos os exploradores e dan problemas bastante a miúdo. Se alguén quere intentar facelo, e así, se ten sorte, evitarse un desprazamento á Administración, ten aquí as instrucións en castelán.

PASOS PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DIXITAL polo método de toda a vida, sendo maior de idade (>= 18 anos):

  1. Preparar o equipo. Neste momento cómpre dar un  AVISO A NAVEGANTES. O certificado dixital só funciona con Internet Explorer e con Firefox. Ademais, a última versión de Firefox compatible para a solicitude do certificado é a 68.x (parece inexplicable tendo en conta que a día de escribir isto xa se traballa coa 76.x). En Windows, toca desinstalar as versións posteriores de Firefox, descargar aquí a versión 68.x, e deshabilitar as actualizacións automáticas ata que se remate de realizar o procedemento. En Linux, pódese descargar Firefox 68.x, instalalo separado da versión actualizada, e utilizar esa versión antiga para realizar o procedemento sen complicarse a vida moito máis. Sen embargo, unha vez obtido o certificado, éste funciona perfectamente coa última versión de Firefox. O navegador Chrome/Chromium non soe funcionar ben cos certificados dixitais. Se se traballa con Windows, é recomendable deshabilitar os antivirus (aínda que parece que o Windows Defender non estorba). Máis información aquí. Tralas queixas crecentes da poboación polo engorro da preparación do equipo, o persoal do CERES está a desenvolver unha ferramenta nova para a obtención do certificado dixital que funcione con (case) calquera combinación de sistema operativo e navegador. Pero mentres non estea lista, toca pasar por este trance.
  2. Solicitude do certificado. Entrar nesta páxina e cumplimentar a solicitude. Posteriormente, trala súa validación, recibirase no correo electrónico indicado un código de solicitude, que será necesario para acreditar a identidade na Administración, e posteriormente tamén á hora de descargar o certificado.
  3. Acreditación da identidade nunha oficina administrativa de rexistro. Co código de solicitude, cómpre ir a unha oficina de rexistro (Axencia Tributaria ou Tesouraría Xeral da Seguridade Social son oficinas de rexistro válidas) tendo pedida cita previa con antelación.
  4. Descarga do certificado. Tras pasar un mínimo dunha hora logo de ter acreditada a identidade, nesta páxina pódese descargar e instalar o certificado no navegador (o mesmo que se utilizou para realizar a solicitude), facendo uso do código de solicitude.

PASOS POSTERIORES

  1. Facer copia de seguridade do certificado dixital nun ficheiro P12. En Firefox, en Opcións/Privacidade e seguranza/Certificados/Ver certificados/Facer copia de seguranza. Pedirase un contrasinal (poñer o que máis interese), que deberá ser introducido cada vez que se desexen restaurar os certificados da copia. Gardar esa copia nun lugar seguro.
  2. Actualizar o navegador á última versión.
  3. Instalar os arquivos de entidade de certificación (para que se poida validar a autenticidade do certificado), como mínimo, da FNMT-RCM.
  4. Importar o certificado dixital desde a copia de seguranza.