Cómpre seguir os seguintes pasos. Pódese realizar case todo o procedemento por Internet, salvo a parte de identificación presencial (na maior parte dos casos). Os certificados dixitais xestiónanse a través do departamento CERES (CERtificación ESpañola) da FNMT-RCM (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre – Real Casa da Moeda).
NOTAS PREVIAS. Desde o CERES infórmase de que é posible realizar o trámite completo do certificado dixital en liña utilizando o DNI electrónico (DNIe). Non obstante, as interfaces do DNIe non funcionan en todos os exploradores e dan problemas bastante a miúdo. Se alguén quere intentar facelo, e así, se ten sorte, evitarse un desprazamento á Administración, ten aquí as instrucións en castelán.
AVISO A NAVEGANTES. O certificado dixital só funciona ben con Internet Explorer e con Firefox. Por temas de seguridade, recoméndase vivamente o uso de Firefox. O navegador Chrome/Chromium non soe funcionar ben cos certificados dixitais. Se se traballa con Windows, é recomendable deshabilitar os antivirus (aínda que parece que ata a data o Windows Defender non estorba).
PASOS PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DIXITAL polo método de toda a vida, sendo maior de idade (>= 18 anos):
- Preparar o equipo. Tras queixas crecentes polo suplicio que era anteriormente ter que desinstalar os exploradores de Internet para instalar unha versión antiga que xerase as claves axeitadamente para posteriormente volver actualizar cando o certificado estivese xerado, o equipo CERES creou unha aplicación chamada “CONFIGURADOR FNMT-RCM” que xera as claves independentemente do navegador utilizado e a versión instalada.
- Solicitude do certificado. Entrar nesta páxina e cumplimentar a solicitude. Posteriormente, trala súa validación, E O ESTABLECEMENTO DUN CONTRASINAL ADICIONAL NA FIESTRA ABERTA POLO CONFIGURADOR FNMT-RCM (***), recibirase no correo electrónico indicado un código de solicitude, que será necesario para acreditar a identidade na Administración, e posteriormente tamén á hora de descargar o certificado.
- Acreditación da identidade nunha oficina administrativa de rexistro. Co código de solicitude, cómpre ir a unha oficina de rexistro (Axencia Tributaria ou Tesouraría Xeral da Seguridade Social son oficinas de rexistro válidas) tendo pedida cita previa con antelación.
- Descarga do certificado. Tras pasar un mínimo dunha hora logo de ter acreditada a identidade, nesta páxina pódese descargar e instalar o certificado no navegador (o mesmo que se utilizou para realizar a solicitude), facendo uso do código de solicitude E O CONTRASINAL ESTABLECIDO NO PASO 2.
(***) MOITO OLLO NESTE PUNTO. Son coñecidos erros de comunicación entre o explorador e o configurador FNMT-RCM que provocan que (1) non apareza fiestra para poder establecer un contrasinal ou (2) apareza fiestra pero non permita introducir contrasinal. Se é o caso, cómpre volver facer o paso 2 tras ter reiniciado previamente o navegador de Internet. Á hora da descarga do certificado, se non se estableceu o contrasinal ou se se esqueceu, non vai ser posible descargar o certificado, sendo necesario reiniciar todo o proceso, incluíndo a acreditación da identidade.
PASOS POSTERIORES
- Facer copia de seguridade do certificado dixital nun ficheiro P12. En Firefox, en Opcións/Privacidade e seguranza/Certificados/Ver certificados/Facer copia de seguranza. Pedirase un contrasinal (poñer o que máis interese), que deberá ser introducido cada vez que se desexen restaurar os certificados da copia. Gardar esa copia nun lugar seguro.
- Actualizar o navegador á última versión.
- Instalar os arquivos de entidade de certificación (para que se poida validar a autenticidade do certificado), como mínimo, da FNMT-RCM.
- Importar o certificado dixital desde a copia de seguranza.