GNURadio

É quizais o entorno de desenvolvemento máis utilizado para a realización de aplicacións de radio configurable. De licencia libre, gratuíto, e optimizado para distribucións Linux, permite unha programación e configuración de equipos baseada en diagramas de bloques configurables.

Figura 1. Logo de GNU Radio.

Instalación da contorna de desenvolvemento

Aquí daranse indicacións para a súa instalación en distribucións GNU/Linux baseadas en Debian. Tras corrixirse moitos dos problemas de instalación e estabilidade derivados da nova subversión (actualmente 3.8.x) tras bastantes anos sen actualizarse, pode ser instalado directamente desde o xestor de paquetes. As seguintes liñas foron testadas en Ubuntu 20.04 LTS (Focal Fossa), aínda que as variacións para outras distribucións baseadas en Debian deberían ser mínimas.

Paso 1. Verifícase se o listado dos paquetes aloxados nos repositorios están ao día, e posteriormente actualízanse os paquetes á última versión (para ter a distribución ao día e evitar así conflitos de versións).

$ sudo apt update && sudo apt dist-upgrade 

Paso 2. Instalación desde repositorio oficial (polo momento, a data de hoxe (maio de 2020) está aloxada a última versión). Aceptar a instalación de todas as dependencias que xurdan como consecuencia da instalación do paquete principal.

$ sudo apt install gnuradio 

Entre outras funcionalidades, como parte das dependencias, instálanse bloques de interacción coa tarxeta de son do equipo, operacións matemáticas, operacións elementais (e algunhas quizais non tanto) de procesado de sinal, modulacións e demodulacións, filtros, remostreadores, etc., así como tamén interacción coas plataformas SDR compatibles co controlador UHD (as USRP, entre outras). A interacción con outras plataformas requiren a instalación do seu debido controlador e bloques para GNU Radio. Tratarase o tema, caso por caso, segundo a plataforma hardware que ande polo medio.

Primeira toma de contacto

Unha vez aberta a contorna de desenvolvemento de GNU Radio, temos unha pantalla como a seguinte:

Figura 2. Fiestra principal da contorna de desenvolvemento GNU Radio.

Na fiestra podemos diferenciar:

  • Unha barra de ferramentas, cos comandos e funcionalidades básicas.
  • O subpanel principal, onde se realiza a programación baseada en bloques desexada.
  • O panel dereito, onde se atopan as bibliotecas de bloques, e desde onde se pillan os bloques para o subpanel principal.
  • O panel inferior, onde se atopa, por unha banda a terminal de GNU Radio, onde se amosan as mensaxes e os erros (saídas por pantalla), e por outra banda, as variables de contorna correspondentes ao programa activo.